miércoles, 11 de marzo de 2009

Ruta do Freixido e Rego de Cusanca




Comezo: Muíño de Zaramacedo
Punto de remate: Campo da feira de Lestedo.
Distancia: 19,350m
Duración: a pé 4-5 h. en bicicleta 2,50h.
Dificultade: baixa.
Época do ano: Primavera-verán.
Material: botas de baixa montaña.

Itinerario
Partimos do muíño de Zaramacedo situado na marxe dereita do río uns centos de metros antes de chegar á aldea de Zaramacedo de Rubio. Volvendo a Rubio a uns 900 m. encóntranse os muíños de Pazos e do Marqués. Deixando a aldea tomamos a pista á esquerda. A 900 m. hai un desvío á dereita e a 300 m. encóntrase a fervenza de Vigo. Este salto de auga, duns cinco metros de altura, foi o encargado de chegar a Boqueixón a primeira enerxía eléctrica. De novo na pista que nos leva á Costiña andamos ata o cruzamento e xiramos á dereita, para tomar logo a 400 m. á esquerda a pista que nos leva ao muíño de Senagán, a 150 m.
Continuamos camiñando de novo ata o cruzamento de antes e tomando á esquerda, a 400 m. vemos o muíño Caleado, 500 m máis adiante ata o cruzamento do Casal. Nesta aldea atopamos os muíños de Arriba e o de Abaixo. Dirixímonos agora seguindo pola pista que pasa a carón do muíño da abaixo cara a igrexa de Sta. María de Lamas, onde ademáis da Igrexa podemos ver a casa do cura, un fermoso cruceiro e ao coller o cruzamento á dereita: a 300 m. vemos o muíño do Burgo e 100 m.
Despois collemos a estrada AC260, onde tomaremos á esquerda para ver a carballeira de Rodiño, dotada de bancos e grellas, coa fonte e a capela de San Bieito.
Tomando de novo a AC-260 á dereita, a un Km. vese sobre o val do Freixeiro o muíño novo, sempre baixo a silueta dun impresionante Pico Sacro. Un km. despois tamén á man esquerda o pazo de Quián: antiga residencia da familia Campuzano, ocupado hoxe en día polas dependencias da Escola de Capacitación Agraria, quedando en pé un edificio con torre ameada e unha capela ao seu carón.
Chegados ao campo de festa de Sergude podemos contemplar o cruceiro de Lamas (Sergude) e a 200 m á esquerda a igrexa de San Breixo de Sergude cunha fonte ao seu carón. Saíndo pola pista á dereita no sentido da marcha, andamos uns 400 m. ata tomar un cruzamento á esquerda que nos levará ao muíño de Lamas.
Volvendo á pista dirixímonos a Deseiro de Arriba a 1100 m., no que tomaremos un desvío á esquerda para ver o muíño desta aldea, para logo volver á pista que nos leva a Deseiro de abaixo. A 500 m desviámonos á esquerda e andamos uns 300 m. ata o río no que nos atoparemos cunha ponte. Río arriba uns 100 m. está o muíño de Deseiro de Abaixo e tamén a 100 m pero río abaixo o muíño do Trillo. Un pouco máis adiante cruzaremos a estrada N-525 para poder chegar ata a ponte de Buxacos a uns 200 m da estrada. Esta ponte serve de límite entre Vedra e Boqueixón. Conta con dous arcos de cantaría e tamén ten tallamares triangulares augas arriba. Ten unha grande importancia histórica, pois por el discorre a ruta xacobea chamada "Vía da Prata".
Volvendo á ponte de Deseiro de Abaixo avanzamos cara Rubial (Lestedo), tomando o desvío á dereita logo de pasar o túnel do tren. Ao chegar a Rubial, tomamos á dereita e logo á esquerda, para a 200 m. volver a tomar á dereita. A 300m. volvemos a cruzar o túnel do tren e vémos a fonta de Lestedo a 200m. Tomamos un cruzamento á esquerda e a 100 m. máis á dereita tomamos unha vez máis á dereita para chegar ao muíño de Cusanca. Saímos do muíño cara a igrexa de Lestedo, e logo ata o campo da feira, onde remata esta ruta.

6 comentarios: