viernes, 14 de agosto de 2009
Ruta do Río Sar
Lugar: Brión
Punto de partida/chegada: Carballeira do Santo Arandel
Distancia: 16 km
Tempo: 4:30
Dificultade: baixa
O primeiro tramo da ruta empeza na carballeira do Santo Arandel, entre Chave de Ponte e Beca. Aos poucos metros a ruta torce cara á dereita, bordeando os prados do campo de Xandras, dirixíndose logo á aldea de Xinzo, aldea que hai que atravesar para a continuación facer un tramo pola estrada en dirección ao monte do Castro Lupario.
Logo de disfrutar da vista panorámica que hai no alto do Castro, baixamos de novo camiño do río Tinto, onde se atopa a Ponte Paradela ou ponte do río Tinto, que antigamente servía de paso entre os concellos de Brión e Teo. Continuando a camiñata pola beira esquerda do río, subimos ata o monte Goiñas, desde onde se pode disfrutar doutra fermosa vista do val da Mahía en Bastavales, véndose desde aquí o Castro Lupario, as aldeas de Beca e Xinzo e incluso a igrexa parroquial de San Xulián de Bastavales.
Seguindo a ruta, báixase de novo ata o punto onde se pode optar por volver ao Santo Arandel ou continuar cara ó río Sar, zona de especial protección incluída na Rede Natura como parte do LIC Sistema fluvial Ulla-Deza, e á aldea de Vidaloíso. Se decidimos continuar, bordearemos de novo, pero pola parte de arriba, os prados do campo de Xandras e chegaremos á aldea de Chave de Carballo, atravesándoa en dirección á ponte de Vidaloíso, sobre o río Sar. Ao chegar á ponte, colleremos o camiño cara á dereita, seguindo durante uns metros o curso do río pola súa beira esquerda, disfrutando nese fermoso traxecto da carballeira, as caídas de auga do río e, con un pouco de sorte, da ánades e outros animais que alí viven.
Ao cabo duns metros, o percorrido da ruta torce cara á esquerda, subindo ata un camiño que discorre polo medio dunhas impresionantes árbores, carballos, piñeiros e outras especies. Seguindo este camiño chegaremos á estrada que vai á aldea de Vidaloíso e desde aquí poderemos ir cara á aldea a sentarnos un anaco na pequena área de descanso con fonte que hai alí, ou ben baixar á esquerda ata a ponte de novo.
Desde a ponte volveremos sobre os nosos pasos ata Chave de Carballo e aquí, ao cruzar a estrada, colleremos por un pequeno camiño de monte que queda un pouco á dereita e que nos levará de volta ao Santo Arandel.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario