jueves, 13 de noviembre de 2008
Ruta dos Muiños de Vilaboa (PR-G 106)
DATOS:
Inicio: Salinas de Ulló
Fin: Mirador de Cotorredondo
Lonxitude: 7 km
Duración: 2-3 horas
Dificultade: medio
Como chegar: Para chegar a este punto, desde Pontevedra collemos a N-555, dirección a Vigo. Á altura de Vilaboa temos que coller unha carreteira sinalizada á man dereita, que leva ó concello (N-554). Nesta carreteira collemos unha pista asfaltada á man esquerda, que nos conduce as Salinas do Ulló, o inicio do sendeiro.
Que ver: Lagoa de Castiñeiras, 15 muíño, Varias pontes antigas de pedra, Centro de Recuperación de Aves (Castiñeiras), Salinas do Ulló, Mirador de Cotorredondo, dende onde se aprecian unhas magníficas vistas das Rías Baixas (Vigo, Pontevedra e ata Arousa).
O sendeiro comeza nas Salinas do Ulló, onde se conservan varios depósitos ou estanques nos que se realizaba a evaporación da auga mariña para producir o sal. Ó pasar este lugar temos que atravesar a xunqueira, unha fermosa zona de marisma. O roteiro continúa pola marxe do río Trasmil. Na primeira parte do sendeiro atopamos dous muíños bastante alonxados do resto, coñecidos como Muíño do Grupo Escolar e Muíño das Verdellas. No lugar de Río atopamos un total de oito muíños, que se atopan en bo estado de conservación. Ó pasar este grupo de muíños atopamos outro de catro. Todos estes muíños conservan as pezas e os sistemas de canalización de auga polos que se abastecen, que é o de canle agás no muíño de Cubo Alto, que utiliza o de cubo.
En varios puntos do sendeiro, o río forma pequenos saltos de auga en forma de fervenza. No transruso do mesmo podemos ver dúas presas, a través das cales a auga é reconducida por canos para labores de regadío. Seguindo o roteiro atopamos a área recreativa de Castiñeiras, unha fermosa fraga de abidueiras, acibo, chuchamel, etc. Continuando o sendeiro, este enlaza co Roteiro Ecolóxico do Morrazo (GR-59).
Pouco máis arriba chegamos á Lagoa de Castiñeiras, unha fermosa área recreativa donde se poden observar diferentes variedades de árbores. Neste punto están instalados a Aula da Natureza San Xulián, o Centro de Recuperación de Aves e a fermosa lagoa artificial. No punto máis alto deste lugar podemos achegarnos ó mirador de Cotorredondo, onde se poden apreciar unhas excelentes vistas das Rias Baixas (Vigo, Pontevedra e incluso Arousa). O camiño retorna de novo as Salinas do Ulló, descendendo polo mesmo lugar.